Thursday 16 de May de 2024

A Xunta amplía a máis de 6 M€ as axudas para compensa á industria transformadora de productos do mar polas perdas de ingresos en 2020 pola Covid-19


— O crédito inicial amplíase en case 2,2 millóns de euros coa finalidade de atender as solicitudes presentadas e compensar as caídas na facturación rexistradas polo sector entre o 1 de febreiro e o 31 de decembro do ano pasado

— As achegas, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, cobren ata o 50% do descenso de ingresos sempre e cando esa baixada sexa superior ao 20% dos ingresos medios dos tres exercicios anteriores e ata un máximo de 400.000 euros

— A estes apoios engádense os convocados tamén para compensar ás empresas de cultivo de produtos do mar, que contan cun orzamento de 3,5 millóns de euros e unha contía máxima por beneficiario de 200.000 euros

A Consellería do Mar vén de ampliar ata preto de 6,2 millóns de euros o crédito dispoñible para a concesión de axudas coas que compensar ás empresas de transformación dos produtos pesqueiros e da acuicultura que tivesen perdas de ingresos entre o 1 de febreiro e o 31 de decembro de 2020 como consecuencia da alerta sanitaria polo coronavirus.

O orzamento fixado inicialmente nesta convocatoria era de 4 millóns de euros, pero dado que as solicitudes presentadas superaban o importe habilitado, fíxose necesario facer unha ampliación de crédito de máis de 2.194.000 euros coa finalidade de poder atender mellor as solicitudes do sector. Esa ampliación de crédito saíu publicada onte no Diario Oficial de Galicia (DOG).
Con estes apoios, cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), a Xunta subvenciona ata o 50% das perdas de facturación rexistradas como consecuencia da covid-19 sempre e cando estas sexan de polo menos un 20% en relación cos ingresos medios para o mesmo período nos tres exercicios anteriores (2017,2018 e 2019).

No caso das empresas con menos de tres anos de actividade, deberán ter actividade polo menos no ano natural 2019 completo e o cálculo realizarase tendo en conta os datos dos anos correspondentes. A contía máxima por beneficiario será de 400.000 euros.

Outros apoios
A estas achegas para as empresas de transformación engádense as convocadas tamén para compensar ás empresas de cultivo de produtos do mar, que teñen o mesmo obxectivo e contan cun orzamento de 3,5 millóns de euros. Neste caso o límite de axuda por beneficiario é de 200.000 euros.
Estes apoios forman parte do plan Avantemar deseñado polo Executivo galego para impulsar o sector marítimo-pesqueiro trala pandemia e que supuxo unha inxección de 77 millóns de euros en 2020 e a posta a disposición do complexo mar-industria de Galicia de arredor de 15 millóns de euros ao longo de 2021.

As convocatorias destas compensacións aos sectores da transformación e cultivo dos produtos do mar deriváronse no tempo co obxectivo de atender tanto os danos causados pola pandemia como os provocados pola saturación dos mercados. De aí que fose preciso agardar a coñecer con exactitude o impacto na crise nas contas do exercicio 2020.